A formación de esquerdas lánzase a recuperar a representación no Concello cunha lista transversal, integrada por representantes dos principais sindicatos e do tecido social vigués, disposta a rachar co “teatro dos tres actores de sempre”
A candidatura combínase coa experiencia organizativa de Guillermo Crego e un equipo transversal que recolle o legado municipalista de Carlos Núñez e Rubén Pérez Correa
Esquerda Unida de Vigo deu un paso firme cara á construción dunha alternativa política real e de esquerdas para a cidade coa presentación da súa candidatura municipal este xoves. A lista estará liderada por Teresa Marchante Hernández, activista do tecido asociativo e profesional do Servizo Galego de Colocación, acompañada no número dous por Guillermo Crego Rodríguez, técnico superior e actual coordinador local da organización.
Un liderado feminista e pegado á realidade social.
A elección de Teresa Marchante como cabeza de lista responde a unha profunda convicción ideolóxica e estratéxica. Desde Esquerda Unida reivindícase que o feminismo debe plasmarse en liderados femininos reais e non só en discursos. “Non podemos seguir permitindo que partidos e espazos que se consideran feministas sigan presentando na cidade máis poboada de Galicia a candidatos homes”, sinalan desde a organización, marcando unha clara diferenza co resto de forzas políticas viguesas de esquerda.
Marchante, licenciada en Bioloxía e traballadora no Servizo Galego de Colocación, achega á candidatura unha traxectoria de máis de 30 anos como técnica de demandas e orientadora laboral con colectivos en risco de exclusión. Esta experiencia profesional outórgalle un coñecemento directo da precarización que sofre a clase traballadora viguesa e das necesidades máis básicas da cidadanía. Ademais, está fortemente vinculada ao tecido social da cidade como membro da Asemblea Republicana de Vigo, da Plataforma Vigo por Palestina, do movemento Resposta Feminista e do Sindicato de Inquilinas de Vigo.
“Os movementos cidadáns e asociativos son a voz do que a sociedade demanda, pero esas voces teñen que ser recollidas por instrumentos políticos como Esquerda Unida para transformalas en políticas reais e facer de Vigo unha cidade amable, acolledora e próspera para a maioría social”, defende a candidata.
Experiencia, planificación e ruptura co modelo de “espectáculo”
No número dous sitúase Guillermo Crego Rodríguez (Vigo, 1974), quen revalidou por unanimidade a coordinación local da formación o pasado ano co obxectivo prioritario de recuperar a representación no Pleno Municipal. Crego conta cunha ampla experiencia tanto no sector privado (máis de 20 anos no sector das artes gráficas) como na vida institucional, tras ser secretario de organización e auxiliar técnico do grupo municipal ata 2023.
Crego aposta por rachar coa política de improvisación do actual equipo de goberno e construír un modelo de cidade planificado e sostible, que non busque “o voto a calquera prezo”, senón o mantemento dunhas condicións de vida axeitadas, servizos públicos de calidade e o equilibrio fronte ás graves desigualdades que fracturan a cidade.
“As viguesas e vigueses non podemos seguir sendo meros espectadores da obra de teatro interpretada polos ‘tres actores’ de sempre”, afirma Crego, quen avoga por un proxecto meditado en comuñón cos movementos veciñais e espazos sociais.
Unha lista transversal, plural e de clase.
A candidatura de Esquerda Unida de Vigo preséntase como un equipo amplo e transversal que abrangue todos os sectores, colectivos e sensibilidades ideolóxicas da esquerda transformadora. Destaca a enorme fortaleza sindical da lista, que conta con representantes e delegados dos principais sindicatos da cidade, incluíndo a CC.OO., UGT, USO e a CIG.
Entre os primeiros postos figuran perfís tan diversos como a mestra do ensino público Fiona Brennan (Secretaria de Organización e afiliada á CIG), os sindicalistas da UGT Geni Pillado e Julio Fernández Collazo (presidente do comité de empresa da XER) e a enxeñeira Alba Torreiro.
Con esta candidatura, Esquerda Unida declárase lista para recoller o testemuño e o legado do inmenso traballo feito polos seus representantes históricos no Concello de Vigo, desde referentes como Carlos Núñez ata os máis recentes, como o actual Secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa. Un fío vermello que hoxe se renova co obxectivo de que as propostas da veciñanza organizada volvan entrar, con voz propia, no consistorio vigués.




