EU CRITICA O GOBERNO DO PP POLO SEU MODELO ECONÓMICO PRIVATIZADOR E INSUSTENTABLE, BASEADO NO DESBALDIMENTO DOS RECURSOS PARA PERPETUAR O MODELO ESPECULATIVO DO LADRILLO E O TURISMO
ESQUERDA UNIDA APOIA AS MOBILIZACIÓNS DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO USO PÚBLICO DO MOSTEIRO DE CELANOVA E PULA POLO MANTEMENTO DO MOSTEIRO COMO INSTITUTO PÚBLICO DA VIAL
O Goberno do PP, como ven realizando dende que chegou ao poder, prosegue co desbaldimento dos recursos da nosa nación na procura de perpetuar o modelo económico do ladrillo e do turismo, un modelo especulativo baseado no neoliberalismo privatizador causante da actual crise económica.
Esquerda Unida rexeita con rotundidade a conversión do Mosteiro de Celanova, que na actualidade é o instituto público da vila, nun hotel de luxo xestionado por unha empresa privada, como pretende a Xunta do PP en colaboración co concello de Celanova, tamén gobernado polo PP. Semella inconcibible que un conxunto monumental con máis de século e medio de uso público, se lle arrebate ao pobo coa finalidade de poñelo en mans privadas.
Para favorecer o dito movemento especulativo, a Consellería de Educación pretende construír un novo centro de ensino, algo que xa se reflectiu nos orzamentos de Galicia para o 2010 cunha partida de 150.000 euros. O Conselleiro, Jesús Vázquez Abad, utiliza a demagóxica argumentación de que o dito centro será un referente en innovación tecnolóxica e arquitectónica, cando a realidade amosa que non existe ningunha necesidade de construir un novo centro educativo, como así o indica o propio claustro de profesores, que se opón ao traslado do centro, e a Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova a que EU apoia en todas as súas reivindicacións e mobilizacións.
Esquerda Unida considera inaceptable que nun contexto de crise o Goberno de Galiza promova o gasto innecesario dun novo instituto, que ademais non apoia a maioría da veciñanza de Celanova.
Esquerda Unida considera prexudicial e insolidaria a aposta da Xunta do PP de outorgar a mans privadas recursos públicos, obtidos co esforzo dos traballadores e traballadoras do país, argumentando falazmente que a xestión privada e máis económica e produtiva, cando a realidade mostra con claridade que a privatización so conleva perdida de calidade nos servizos prestados e na situación laboral dos empregados.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida