YOLANDA DÍAZ CONSIDERA INAUDITO QUE UNHA INSTITUCIÓN DO VALOR, HISTORIA E COMETIDOS COMO A DA ACADEMIA NON RECIBA UN CAN DAS INSTITUCIÓNS DO PODER GALEGO
A NOSA ORGANIZACIÓN RECLAMA QUE NO VINDEIRO ORZAMENTO SE CRE UNHA PARTIDA ESPECÍFICA PARA UNHA INSTITUCIÓN SENLLEIRA DO NOSO PAÍS
Esquerda Unida manifesta a súa reclamación a prol dunha dotación orzamentaria propia, estable e suficiente para garantir os cometidos e obxectivos, valiosos e ambiciosos de seu, da nosa Academia Galega.
A Coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, subliñou o feito inaudito de que unha Academia, que cumpre funcións indispensables para a nosa lingua e cultura e que acubilla unha bagaxe histórica incalculable para o noso país, non conte cun patacón dos orzamentos da comunidade. Yolanda Díaz afirmou que tal realidade deixa en moi mal lugar aos sucesivos Gobernos da Xunta.
As finalidades da Academia Galega son merecentes dun tratamento específico nos orzamentos galegos, que permita tanto atendelas canto subvenir de maneira axeitada aos gastos de mantemento do inmoble e de funcionamento da Academia. A realidade é que a situación , denunciada pola propia institución, valga o exemplo do tellado non é aceptable e deixa en evidencia o desleixo deste Goberno e dos anteriores coa institución de Fontenla Leal, ferrolán egrexio, Curros Enríquez e Manuel Murguía.
EU reclama a dotación dunha partida extraordinaria para atender as necesidades inaprazables e urxentes da Academia. A maiores, Yolanda Díaz reclamou que se habilite no vindeiro orzamento unha partida propia adicada a fornecer unha institución insustituible para a nosa nación.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida