ESQUERDA UNIDA RECLAMA MAÑÁN NO CONGRESO O COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL CO SECTOR NAVAL GALEGO

O GRUPO PARLAMENTARIO DE IU VAI REQUERIR A SOLUCIÓN DO TAX LEASE, INVERSIÓNS PÚBLICAS NO SECTOR E O LEVANTAMENTO DO VETO A  UNHA NAVANTIA PÚBLICA  PARA A CONSTRUCIÓN CIVIL

O coordenador local de EU Rubén Pérez nunha xuntanza con comités de empresa do sector naval

Ao abeiro do debate mañán no Congreso dos Deputados dunha Proposición non de Lei do BNG, Esquerda Unida sumará as súas forzas para reclamar un firme compromiso do Goberno do Estado cos estaleiros públicos de Ferrolterra e da comarca de Vigo. En concreto o noso Grupo sosterá a necesidade de dotar neste orzamento de 2012 (o que  Rajoy tenta manter oculto ate que pasen as eleccións andaluzas e asturianas) dunha partida para construír xa o dique flotante asi como solucións concretas para o TAX LEASE e o sistema de axudas e inversións no sector.

Outros dos aspectos que defenderá o noso Grupo Parlamentar versará sobre a conveniencia de acelerar os estudos sobre a nova fragata na que traballa Navantia, que pode representar no futuro un elemento moi importante na carga de traballo.

Na intervención parlamentar se defenderá aos traballadores e traballadoras do naval vigués, que loitan por manter os seus postos de traballo entre os atrancos dunha Comisión ferozmente neoliberal. En todo caso a situación de creba dos estaleiros vigueses privatizados deixa en evidencia a que conducen os atallos que malvenden patrimonio industrial público. Lembrámolo porque non hai moito xurdían ofertas para malvender Astano a un dos propietarios hoxendía en creba.

ESQUERDA UNIDA opúxose frontalmente ás privatizacións de estaleiros PÚBLICOS como Vulcano ou Barreiras en cuxo accionariado, por pór un exemplo en 1997 entraron sociedades de investimento enmascaradas como supostas navieras como Odiel con sede fiscal nas Illas Virxes, prometendo investimentos que finalmente nunca chegaron, exemplo de que nestes anos cometeuse unha verdadeira rapina dos beneficios que o sector naval estaba a xerar.

ESQUERDA UNIDA considera correcto o que expón esta proposición non de lei de buscar un sistema de financiamento alternativo ao tax lease que permita construír barcos nos estaleiros da Ría de Vigo pero igualmente urxente é para nós concretar o seguinte:

1.Dar impulso aos proxectos de diversificación prometidos, como os centros de reparación e diques flotantes en Ferrol (Navantia) e Vigo (Metalships) cuxos estudos xa están aprobados, e que requiren un financiamento real e urxente.

2.Conseguir un control público real das axudas que van ao sector, control que coa desaparición da tutela pública da SEPI foi nestes anos case inexistente. (Non esquezamos que o órgano análogo creado PYMAR é principalmente participado polos estaleiros privados). A propia PYMAR tivo en albas a viabilidade doutro estaleiro centenario, VULCANO, coa negativa a quítaa da débeda do mesmo, condición única para a viabilidade do estaleiro nestes tempos. É significativo que nun sector en crise como o actual os accionistas empezaron unha ?guerra? polo control accionarial o que mostra que hai un interese empresarial no sector mesmo sen carteira de pedidos á vista pero con previsións de axudas públicas en cernes.

3.Que esas axudas sexan FINALISTAS, a proxectos concretos evitando que sexan simples operacións de maquillaxe de empresarios do sector preocupados pola rendibilidade accionarial antes que a creación de emprego

4.Que se estableza un control fiscal dos acredores dos estaleiros como Barreiras ou Vulcano, en ocasións empresas auxiliares participadas por accionistas dos propios estaleiros ás que facturan servizos e horas de traballo.

5.Control público dos plans de viabilidade dos estaleiros que se están presentando para avaliar o interese real dos accionistas no futuro e a viabilidade do sector.

Todo iso coa perspectiva de que a desaparición deste sector sería unha catástrofe social para a comarca de Vigo, motor industrial de Galicia, que achega un terzo do PIB galego e que actualmente soporta taxas de desemprego descoñecidas até a data.

Relacionados