Esquerda Unida de Vigo reclama ao Goberno municipal un plan específico para garantir atraccións seguras nas festas populares dos barrios e parroquias.
A organización considera que a cidade non pode asumir como normal que, despois do accidente mortal do Saltamontes en Matamá, a resposta do Concello sexa a parálise e a perda dunha parte central do lecer popular.
EU Vigo sinala que o avance xudicial do caso Saltamontes obriga ao Goberno municipal a dar explicacións públicas, asumir responsabilidades políticas e revisar con urxencia os procedementos de autorización, inspección e precinto das atraccións de feira. A formación lembra que a presunción de inocencia debe respectarse, pero subliña que iso non exime ao Concello de responder polos fallos de control sinalados na investigación.
“O Concello non pode pasar da falta de control a deixar os barrios sen atraccións. A solución non é resignarse, é garantir atraccións seguras, documentación clara, inspección real e apoio técnico ás comisións de festas”, sinala o coordinador local de EU Vigo, Guillermo Crego.
A organización considera que Vigo ten dereito a festas populares con todas as garantías. “Ninguén pide volver o descontrol nin poñer en risco a seguridade da veciñanza. O que reclamamos é xusto o contrario: un Concello capaz de facer cumprir a lei, planificar con tempo e garantir que as familias poidan gozar das festas con seguridade”, engade Crego.
EU Vigo propón a creación dun protocolo público de autorización e inspección das atraccións, con prazos claros, criterios coñecidos polas comisións, informes técnicos accesibles e ordes formais cando unha instalación non poida funcionar. Tamén reclama unha oficina municipal de apoio técnico ás comisións de festas para acompañar a tramitación e evitar que a responsabilidade recaia sobre entidades veciñais que sosteñen boa parte da vida comunitaria da cidade.
A formación pide ademais un rexistro municipal das atraccións autorizadas en cada festa e unha avaliación anual do sistema de control, co obxectivo de garantir seguridade sen cargar contra as comisións nin deixar os barrios sen alternativas.
“Vigo precisa menos bailes no TikTok e máis seriedade na xestión pública”, conclúe Crego.”





