Esquerda Unida defende unha educación pública de calidade en condicións de igualdade

Para Roi Rodríguez, nº 3 da candidatura e Responsable da área de Educación de Esquerda Unida-Vigo o mellor modo de garantir o dereito universal á educación pasa por defender sen concesións un sistema público de ensino que, desde a educación infantil ata a universitaria, asegure unha educación de calidade para todos e todas en condicións de igualdade.

Para Esquerda Unida a calidade do ensino coincide basicamente co que desde hai anos imos identificando como “Alternativa da escola pública”, que é patrimonio común da esquerda social e política, e cuxas acenos de identidade son o seu carácter laico, pluralista e democrático, o seu compromiso cun ensino científico e crítico, respectuosa coas diferenzas á vez que integradora das mesmas, inclusiva e compensadora das desigualdades.

EU defende tamén un incremento das competencias municipais no ámbito educativo como requisito necesario para mellorar e adecuar a cada realidade concreta a oferta pública dos diferentes tipos de ensinos.

Unha educación pública de calidade en condicións de igualdade pasa para Esquerda Unida polas seguintes propostas:

 – Ampliación da rede pública de escolas infantís ata cubrir, en todo Vigo, a demanda do ciclo de 0 a 3 anos. A oferta municipal para atender aos nenos e nenas de 0 a 3 anos completarase con Casas de Nenos municipais.

 – Plan municipal de medidas específicas para favorecer o éxito escolar de todo o alumnado na educación obrigatoria, que concrete actuacións de apoio aos alumnos e alumnas que presentan dificultades de aprendizaxe dende o intre no que se detectan, así como actuacións para atender as necesidades específicas do alumnado procedente doutras culturas, do alumnado con problemas de exclusión social e do alumnado con algún tipo de discapacidade.

– Desenvolvemento de programas municipais para a mellora da convivencia escolar, a proposta do Consello Escolar Municipal e en coordinación con outros servizos e áreas municipais (Servizos sociais, Mocidade, Saúde…)

– Posta en marcha dun programa-marco municipal de apertura dos centros á súa contorna fora do horario escolar. Promoverase tamén o uso dos centros universitarios pola sociedade que os financia. Para profundar a relación Universidade de Vigo-sociedade desenvolveranse un programa de bolsas orientado a que estudantes universitarios realicen funcións de apoio ao alumnado de Primaria e Secundaria que necesite reforzo educativo fora do horario escolar, e que pola súa situación socio-familiar non poida recibilo doutro xeito.

Plan integral de formación profesional elaborado pola administración municipal e os representantes dos axentes sociais, a partir dunha análise das expectativas de emprego.

– O analfabetismo total e funcional na nosa cidade é moi alarmante. Datos da propia Xunta cifran nun 10% a taxa polo que é indispensable a creación de Centros de Educación de Persoas Adultas (E.P.A), de modo que haxa polo menos un por distrito escolar e permita cubrir as necesidades de diferentes colectivos.

– Facilitar recursos orientados a potenciar a educación en valores relacionados cos dereitos humanos, a paz, o respecto mutuo e a solidariedade, a igualdade entre mulleres e homes, a educación ambiental, a educación para a saúde, a educación afectivo-sexual, a educación en materia de comunicación, a educación para o consumo, etc.

– Organización de Xornadas Municipais de Educación, en colaboración coa comunidade educativa, de carácter anual.

Fomento da innovación educativa mediante subvencións aos centros ou equipos docentes que desenvolvan plans de mellora da súa acción educativa.

Relacionados