Esquerda Unida prosegue a dar a coñecer o proceso de refundación da esquerda na galiza, cunha xuntanza co Sindicato Labrego Galego

EU E O SLG RECOÑECEN, TRAS A XUNTANZA CELEBRADA, TER ATOPADO UN ALTO GRADO DE COINCIDENCIA NO ANÁLISE SOCIOECONÓMICO DO MUNDO RURAL GALEGO

O SLG SAÚDA O PROCESO DE REFUNDACIÓN DA ESQUERDA QUE ESTÁ A LANZAR ESQUERDA UNIDA PARA CREAR UN FRONTE AMPLIO QUE SEXA QUEN DE TROCAR A TRISTE REALIDE ACTUAL

A delegación de Esquerda Unida estivo formada pola Coordinadora Xeral, Yolanda Díaz, César Santiso responsable de Organización e Henrique González Lago responsable de Economía e Traballo. Mentres que a delegación do Sindicato Labrego Galego (SLG) estivo encabezada pola responsable de Organización, Lidia Senra.

Yolanda Díaz, explicou o proceso da Refundación da Esquerda na Galiza, profundizando na necesidade que ten a sociedade de atopar un referente claro e plural de loita contra o actual sistema económico capitalista. Referente que so é posible atopar na unión da esquerda política coa esquerda social na procura dun fronte amplo que sexa quen de xerar alternativas reais ao pensamento neoliberal. Díaz subliñou a necesidade de facer un novo tipo de política que se base nos intereses e necesidades reais da cidadanía en lugar dos intereses do capital. Unha nova política participativa que se desenvolva de abaixo a arriba, xusto o contrario que sucede na actualidade, a través de foros cidadáns de debate ou ferramentas similares.

Lidia Senra mostrou a loita do seu sindicato fronte a Política Agraria Europea (PAE), a política leiteira baseada na constante liberación ou a falta de política agraria galega e apoio institucional as explotacións medianas e familiares. Debido a esta inacción política xurde o abandono do medio rural, polo que aposta pola recuperación dos produtos caseiros e dos mercados locais. Senra resaltou os graves danos medioambientais que o actual modelo agrario está a producir, polo que aposta por mudar cara unha agricultura sostible e ecolóxica que produza alimentos sans e de calidade asemade o seu sindicato pula contra os transxénicos, produtos que reducen a biodiversidade, tiranizan o mercado e prexudican a saúde dos consumidores.

César Santiso amosou o total apoio de Esquerda Unida ao SLG, xa que logo, son reivindicacións que dende fai tempo EU incorpora na súa liña política. Santiso incidiu no grave problema que supón a especulación desenvolvida polos intermediarios que afogan as economías dos labregos e labregas ao impoñer prezos ridículos, moitas veces por baixo do custe, que lles impiden manter a súa actividade provocando o abandono no rural. Recordou a proposta de EU da creación dunha empresa pública galega dedicada a introducir no agro galego a agricultura ecolóxica e a distribuír os productos agrarios galegos en mercados locais aplicando tan só a marxe necesaria para cubrir os custes de distribución.

A reunión mantida serviu para por de manifesto as amplas coincidencias entre ambas as dúas organizacións, xa que logo, tanto no análise como nas propostas para resolver o problema do agro o acordo foi amplo, coincidindo plenamente na conclusión que o modelo agrario actual atópase fracasado e na necesidade de abrir un debate social para desenvolver políticas agrarias con participación cidadá nas que se devolva aos labregos e labregas a dignidade perdida e se fomente o retorno ao rural, asemade, ambas as dúas organizacións apostan polo desenvolvemento rural sostible como novo motor económico baseado na producción e consumo local de produtos agrarios naturais, ecolóxicos e de calidade mediante a recuperación do produto caseiro vendido en mercados locais sen a presenza dos intermediarios.

Unha vez explicado o Proceso da Refundación da esquerda na Galiza, a responsable de Organización do SLG saudou a iniciativa a cal valorou moi positivamente pois coincide na necesidade de que a esquerda alternativa se una para facer fronte común ao actual sistema económico e sexa quen de trocar a triste realidade actual.

Durante a xuntanza esbozáronse distintas iniciativas, encamiñadas a mellorar a situación do agro galego, a través do reforzamento do cooperativismo, a mellora dos mercados locais e as prazas de abastos ou promovendo a comida natural e ecolóxica nos comedores do ensino galego. Unha vez concretadas as devanditas iniciativas cada organización daralle, no seu ámbito, o pulo necesario. Así Esquerda Unida buscará apoio municipal para ditas medidas a través da acción política.

Ambas organizacións resolveron manter reunións periódicas para, dende a súa independencia, desenvolver as iniciativas esbozadas nesta primeira xuntanza.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Relacionados