YOLANDA DÍAZ, COORDINADORA NACIONAL, SAÚDA O ÉXITO ACADADO AO
DECIDIR A COMISIÓN MANTER ABERTA A DENUNCIA
ESQUERDA UNIDA ESIXE O PECHE DA PLANTA DE GAS DE REGANOSA
O eurodeputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, vén de presentar no día de hoxe, na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a ampliación da denuncia sobre a planta de gas de Reganosa.
Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional de EU, amosa a súa satisfacción por conquerir manter aberta a denuncia no seo da Comisión de Peticións diante dos novos e flagrantes datos que dan a razón a denuncia presentada por EU e a elaborada polo Comité de Emerxencia, integrado por máis dunha sesentena de entidades e asociacións.
A planta de Reganosa non cumpre cos requisitos legais necesarios, ao non pasar os trámites preceptivos de avaliación de impacto ambiental, servindo ao negocio especulativo e, dende sempre, rodeada pola polémica xa que non se garantiu o proceso de información pública que require o convenio de Aarhus sobre participación cidadá e social en instalacións con impacto para o medio ambiente.
A ampliación da denuncia presentada por Esquerda Unida no día de hoxe formulouse cunha nova serie de datos relacionados cos problemas que están a ter os gaseiros para franquear a entrada na ría, a evidencia das falsidades das previsións de demanda formuladas para obter os permisos e peticións de ampliación da súa capacidade de produción; as falacias e insuficiencias do plan de emerxencia exterior; a carencia dun plan global de emerxencias que atinxa aos gaseiros que entran na ría; a radical falla de xustificación para proceder a ampliar a capacidade da planta; as agresións medio ambientais que conleva o funcionamento da planta, e a acumulación de sentenzas que deixan en evidencia a ilegalidade do emprazamento e da tramitación ambiental do proxecto.
Esquerda Unida salienta o risco continuo ao que se ve sometida a poboación que vive na contorna da ría a causa das dificultades que os metaneiros están a ter para franquear a ría; van unha ducia de gaseiros que non conseguen entrar no día previsto a causa dos problemas derivados da climatoloxía aliados coas condicións naturais da ría.
A nosa organización demanda o peche da planta de gas de Reganosa, asemade de reclamar a responsabilidade da Xunta pola permisividade que demostra o aceptar unha instalación que incumpre coa legalidade e seguridade esixibles a instalacións deste tipo.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida