Esquerda Unida presenta no congreso unha iniciativa para desafectar os terreos militares en Esteiro

EU CONSIDERA QUE A DESAFECCIÓN DOS TERREOS MILITARES DE ESTEIRO SUPÓN UNHA OPORTUNIDADE PARA QUE O MINISTERIO DE DEFENSA SALDE A SÚA DÉBEDA HISTÓRICA COA CIDADE DE FERROL

ESQUERDA UNIDA SALIENTA A NECESIDADE DE PULAR A PROL DO DESENVOLVEMENTO DO CAMPUS UNIVERSITARIO EN FERROL

Esquerda Unida, a través do seu voceiro parlamentar Gaspar Llamazares, rexistrou no Congreso dos Deputados unha iniciativa, en forma de preguntas parlamentarias, para a desafección dos terreos militares en Esteiro, na súa convicción acerca de que, en Ferrol, ten que ser Esteiro o espazo onde afincar o futuro do desenvolvemento do campus universitario.

A nosa organización xirou hai xa varias semanas unha visita e reunión coa asociación veciñal de Esteiro xunto co noso deputado Gaspar Llamazares, ao obxecto de avanzar  no coñecemento das propostas veciñais para conquerir a devandita desafección.

Esquerda Unida considera que o Ministerio de Defensa ten una débeda ca cidade de Ferrol, na que goza de propiedades e espacios en gran número e relevancia, débeda que ten nas referidas instalacións militares de Esteiro, na desafección das mesmas, unha magnífica e necesaria oportunidade para saldarse.

O campus universitario reúne as cualificacións de importancia e urxencia para que Ferrol conte xa cunha planificación das necesidades de espazos para amplialo, e nesa planificación as actuais instalacións militares sitas no barrio xogan un papel protagonista. Instalacións que non teñen na actualidade senón unha función residual, e instalacións que son vitais para estender o espazo actual da universidade.

O cuartel de Dolores, o cadro pequeno de Esteiro, a residencia chamada do Coronel e maila parcela do INVIFAS constitúen un ámbito espacial propicio para realizar neles a ampliación e despregue do campus universitario.

Cómpre non minusvalorar o impacto extraordinariamente positivo que ten para Ferrol contar cun reforzado e ampliado campus universitario. Os impactos de dinamización social, económica e mesmo cultural derivados da ampliación do campus son evidentes e dende as administracións públicas hai que fornecelos.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Relacionados