ESQUERDA UNIDA PÍDELLE AO CONCELLO QUE COLABORE NA IDENTIFICACIÓN DE VIVENDAS TURISTICAS ILEGAIS EN VIGO

No día de hoxe temos coñecemento da senteza do Tribunal Superior de Justicia de Madrid que avala ao Goberno do Estado, por medio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, para a retirada de 65.935 anuncios ilegais de pisos turísticos en todo o Estado, e desbota o recurso interposto pola plataforma Airbnb contra a primeira resolución de Consumo que incluía a uns 5.800 anuncios.

Esta primeira actuación non afectaba aínda a ningún anuncio na nosa cidade. Malia isto, as vindeiras resolucións ministeriais van afectar a centos de anuncios de pisos turísticos ilegais que si se atopan localizados na nosa cidade.

Ante esta realidade que afonda na dificultade qur atopan milleiros de familias en Vigo para ter acceso a unha vivenda a prezos proporcionais aos seus ingresos, Esquerda Unida de Vigo (EU) pídelle ao Goberno Local socialista pasar a colaborar de forma estreita co Goberno Central para corrixir esta problemática a nivel local.

Guillermo Crego, coordinador de EU, expresa: “O Goberno Local da cidade non pode quedar indiferente, como fixo ata agora, ante esta situación de gravidade habitacional, ten que colaborar coa identificación de todos os pisos turísticos ilegais na cidade, precintando todos eles de maneira inmediata”.

A maiores desta declaración Crego expresa con concreción : “É necesaria, de maneira urxente, unha nova Ordenanza Municipal que fiscalice e que someta ao máximo control este tipo de actividades, como xa fan outros municipios en Galicia e no resto do Estado. Esta nova normativa terá que establecer que tipo de medidas se tomarán para marcar os límites das posibles moratorias nas zonas máis tensionadas polo prezo de vivenda de alugueiro na cidade. Dunha vez por todas, a melloría das condicións de vida da veciñanza ten que ser a prioridade nas decisións que se tomen no Concello”
 
Finalmente o dirixente vigués declara: “Se Esquerda Unida formase parte do Goberno Municipal non habería ningún interese económico por riba do dereito á vivenda, e por suposto, ningún interese particular por riba do ben común”

Relacionados