Esquerda Unida considera de extrema gravidade a decisión do Xulgado de Instrución nº 3 de Vigo de imputar á concelleira delegada de Seguridade, no proceso xudicial aberto polo accidente mortal ocorrido nunha atracción de feira durante as Festas de Matamá o 3 de agosto de 2024.
A imputación da responsable política da área, xunto coa do xefe de servizo, pon de manifesto a existencia de posibles fallos graves no control municipal das atraccións, tal e como sinala a Fiscalía ao destacar a ausencia dun protocolo de inspección e a falta de instrucións claras para o precinto da instalación, a pesar de non cumprir a normativa.
O coordinador local, Guillermo Crego, denuncia: “a falta de explicacións por parte da concelleira durante máis dun ano e o bloqueo do Goberno municipal á creación dunha comisión de investigación que permita aclarar o sucedido e depurar responsabilidades políticas”.
Por todo iso, Crego considera imprescindible que se asuman responsabilidades de xeito inmediato e reclama unha investigación exhaustiva a nivel municipal que garanta a transparencia, o esclarecemento dos feitos e a adopción de medidas eficaces para evitar que unha traxedia similar volva a suceder.

