ESQUERDA UNIDA PIDE NO CONGRESO UNHA COMISIÓN SOBRE A VERDADE DA CRISE DA BANCA

O Partido Popular está a recortar a escola e a sanidade. O Goberno aplicou 10.000 millóns de euros en recortes ao investimento na educación, prexudicando así o futuro dos nosos fillos e fillas e da nosa sociedade, e ao gasto en sanidade pública que é fundamental para a saúde e o benestar de todos nós. Cos axustes que esixe ás comunidades autónomas, estas terán que optar por facer máis recortes nestes servizos sociais básicos ou facelos noutros gastos. Nas gobernadas polo Partido Popular os recortes vanse a aplicar a ‘rajatabla’ sobre escolas, asistencia sanitaria e hospitalaria, e dependencia.

Con todo, os bancos e caixas teñen barra libre. No caso de Bankia, o Goberno vai reforzar o capital do banco con case 24.000 millóns de euros (preto de 2,5 veces o que se recorta en educación e sanidade).

Desde que comezou a crise, bancos e caixas recibiron máis de 500.000 millóns de euros en axudas de distinto tipo (axudas directas, avais para renegociar os seus créditos, préstamos transformables en capital e créditos do Banco Central Europeo ao 1% por tres anos).

PSOE e PP entregaron ao capital financeiro privado a metade do aforro e o crédito do país mediante a privatización e bancarización das Caixas de Aforro, seguidas agora do seu espolio.

De feito, todas as medidas que se nos presentaron como medidas para saír da crise foron, no fondo, medidas para mellorar a situación de bancos e caixas.

Por iso, as políticas aplicadas para saír da crise foron unha auténtica estafa.

A pesar de todo, parece que as axudas a Bankia non serán as últimas. Outros bancos e caixas poden necesitar aínda máis diñeiro. Estimacións prudentes falan de 50.000 millóns de euros, pero todo dependerá do resultado dunha auditoría que van facer auditores estranxeiros baixo a supervisión e control do Banco Central Europeo e do Fondo Monetario Internacional. Se esas auditorias son negativas serán precisos novos rescates.

De onde saca o Goberno o diñeiro para esas axudas?

Endebedándose máis aínda. Cada 10.000 millóns de inxección aos bancos é case 1 punto do PIB máis de débeda pola que hai que pagar intereses. Todo iso, o crédito e os seus intereses, hai que pagalo con diñeiro dos e as contribuíntes. Con diñeiro que sae dos nosos petos.

Diñeiro que se debería utilizar para educación, saúde, dependencia e outros gastos sociais e úsase para axudar aos bancos.

Como chegaron a esta situación?

Nin os Gobernos do PSOE nin os do PP quixeron deter a especulación inmobiliaria. As Caixas de Aforro, con executivos nomeados polos gobernos autonómicos presididos polo PSOE e o PP, colaboraron de forma sobresaliente na mesma.

Pero houbo algo máis que iso. Créditos temerarios, operacións de dubidosa legalidade, avaliación cómplice dos riscos, seguimento de políticas de infraestruturas sen ningún respaldo serio (que deron lugar a aeroportos inútiles e por centos de miles de vivendas baleiras e a urbanizacións e polígonos sen uso).

E houbo tamén unha xestión deplorable. Retribucións e pensións escandalosas, falsidade nos balances contables e unha escasa dilixencia culpable na supervisión do Banco de España e da Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Queremos saber o que pasou e quen son os responsables

Esquerda Unida pediu que se cre unha Comisión de Investigación no Congreso dos Deputados que depure as responsabilidades políticas e administrativas que existan na xestión das institucións financeiras, no traballo dos organismos de supervisión e na acción das autoridades políticas e administrativas. Esta Comisión debe tratar especialmente a xestión nas institucións intervidas ou que poidan intervirse, como BFA/Bankia, Bancaja, a CAM, Caixa Castela A Mancha, NovaCaixaGalicia, UNIMM, o Banco de Valencia e outras.

Trátase de crear unha auténtica ‘Comisión da Verdade’ sobre a crise das institucións financeiras españolas.

Pero esta Comisión non atopa apoio nos partidos maioritarios. Realmente teñen responsabilidades compartidas en todo o proceso que nos levou a esta situación e iso explica as súas resistencias.

No entanto, se esa Comisión non sae adiante e/ou complementariamente ao seu traballo, Esquerda Unida, apelando á cidadanía e ás organizacións sociais, está disposta a colaborar na posta en marcha dun auténtico Tribunal Social sobre as Responsabilidades na Crise das Institucións Financeiras.

Imos pagar cos nosos impostos o buraco financeiro de Caixas e Bancos e temos dereito a saber o que pasou e a esixir responsabilidades para que os culpables sexan identificados e castigados. …

Relacionados