Esquerda Unida participará con faixa propia na manifestación en defensa da nosa lingua e contra o decretazo, e chama a todos os galegos e galegas a manifestarse

EU REXEITA ROTUDAMENTE O DECRETO CONTRA O GALEGO, AO CAL CONSIDERA UN ATAQUE POLÍTICO SEN PRECEDENTES CONTRA A NOSA LINGUA E A NOSA CULTURA

Esquerda Unida, movemento político-social que forma parte da plataforma Queremos Galego, participará con faixa propia na manifestación nacional do 17 de maio, día das letras galegas, convocada pola dita plataforma en defensa da nosa lingua. A manifestación partira da compostelá praza da Alameda as 12 de mañá e rematará na praza do Obradoiro.

A nosa organización considera o decreto contra o galego do goberno do PP, un ataque político sen precedentes contra a nosa lingua e a nosa cultura. O devandito decreto traerá consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade.

Esquerda Unida denuncia que o decreto, ademais de ser inxusto, incumpre toda normativa de rango superior ao contravir a proteción do galego. Este decreto traerá como consecuencia a paulatina desaparición do galego, pois cando se pretende equipar dúas linguas en situación de desigualdade, sucede que a máis débil desaparece, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Con todo, o PP pretende impor a sociedade galega, rachando o consenso histórico, un decreto elaborado de costas a sociedade e a comunidade educativa.

Esquerda Unida que participará activamente na manifestación do vindeiro 17 de maio chama a mobilización de todos os galegos e galegas en defensa da nosa lingua, para visualizar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego e demostrarlle ao PP que está a actuar de costas a sociedade galega.

EU confía en que milleiros de galegas e galegos ateiguen de novo a praza do Obradoiro, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro, para facer reflexionar ao Presidente da Xunta, que no entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego. Neste senso Esquerda Unida considera inaceptable que, en plena crise económica cando semella fundamental facer un uso racional do gasto público, o Goberno do PP invista un millón de euros nunha campaña a favor do decretazo, e dicir en contra do galego.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Relacionados