O espazo da esquerda viguesa confirma o sentir do groso da veciñanza, que a cidade enteira, e non só o seu centro histórico, é un “ermo de asfalto” que carece de suficientes infraestruturas verdes para protexer á poboación das ondas de calor, e proponlle ao Goberno municipal un plan de adaptación climática integral que abrangue todos os barrios e parroquias.
As organizacións consideran inaceptable que, mentres Vigo supera os 35 graos e se enfronta a episodios que poderían alcanzar os 44 graos na nosa costa, a maioría dos barrios da cidade carezan de arboredo suficiente para proporcionar sombra e frescor. Grandes zonas dos barrios como Teis, Navia, O Calvario, Bouzas e tantos outros son auténticas “illas de calor” onde as árbores son escasas, pequenas ou simplemente inexistentes.
“O Concello non pode limitarse a decorar o centro con macetas mentres os barrios arden. A adaptación climática non é un capricho estético, é unha cuestión de xustiza social e de saúde pública. A exposición dos raios solares sobre superficies asfaltadas e graníticas, pola súa capacidade de absorción da calor, fai subir uns 5 graos a temperatura do ambiente, mentres que as árbores reducen a temperatura entre 2 e 4 graos, filtran o aire e protexen ás persoas máis vulnerables: nenos, maiores e enfermos. Por que insiste a corporación municipal en negar isto á cidadanía de Vigo?”, sinala a candidata de EU Vigo, Teresa Marchante.
A formación lembra que Vigo ten un déficit histórico de zonas verdes, con só 5,5 metros cadrados de espazo verde por habitante, moi por debaixo dos 15 metros cadrados recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Mentres, o actual Goberno local continúa a tala de árbores sen criterio, como as 13 do Monte do Castro, os 5 carballos de Navia ou o pino manso centenario, e substitúeas por especies de menor porte que non dan sombra.
Os organizacións denuncian que o PXOM é unha escusa para non actuar.
Neste contexto de emerxencia, as organizacións da esquerda poñen o foco na inacción do Concello amparada na inseguridade xurídica do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado en maio de 2025 pero que podería volver ser anulado ou suspendido debido ás graves irregularidades denunciadas na tramitación das máis de 4.500 alegacións.
“Non podemos permitir que o futuro urbanístico de Vigo estea nun péndulo xudicial. Mentres o PXOM estea en cuestión, o Concello úsao como escusa para non plantar unha árbore nin nos barrios onde xa ten competencia plena. Esta non é falta de plan, é falta de vontade. Vigo necesita un plan de choque agora, non cando un xulgado decida”, engadiu Gloria Alonso, secretaría de organización do Movemento Sumar Galicia.
Propostas de espazo da esquerda de Vigo para unha cidade verde e climáticamente xusta
- Plan de Reforestación Integral e Participativo para toda a cidade, con obxectivos cuantificables: aumentar a cuberta arbórea nun 30% nos próximos 10 anos, priorizando especies autóctonas de gran porte (carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros).
- Creación de corredores verdes que conecten os montes periurbanos (Castro, A Madroa, Valadares, Zamáns) cos barrios, creando unha “Anilla Verde” que refrixere a cidade e protexa contra incendios.
- Renaturalización de rúas e prazas en todos os barrios, substituíndo o asfalto por pavimentos permeables e plantando árbores de gran porte en beirarrúas amplas, aparcadoiros e espazos degradados.
- Minibosques urbanos en solares vacantes e terreos municipais, especialmente en barrios con maior déficit de zonas verdes (Teis, Navia, O Calvario).
- Programa de cubertas e muros verdes en edificios públicos e privados, con incentivos fiscais para a súa instalación.
- Moratoria inmediata de talas de arboredo de gran porte mentres se elabora un censo detallado e participativo.
- Oficina municipal de apoio técnico ás asociacións veciñais e comisións de festas para impulsar a creación e mantemento de espazos verdes nos barrios.
- Clarificación xurídica do PXOM para que, sexa cal sexa o seu desenlace, a cidade dispoña dun marco estable que priorice a infraestrutura verde e non o cemento.
Vigo non pode esperar: a calor xa está aquí
“Vigo non pode esperar a que un xulgado decida o seu futuro para empezar a plantar árbores. Os barrios están ardendo agora. Unha cidade con sombra non é unha opción, é unha necesidade. E unha rúa con árbores non é un capricho, é unha cuestión de saúde pública. Máis árbores, menos asfalto. Máis vida, menos formigón. Vigo merece un futuro verde e xusto”, conclúe Serafín Valencia membro do Partido Verde Equo.



