As formacións poñen o foco nas verdadeiras necesidades da veciñanza por riba das siglas, abrindo o documento ás achegas de colectivos sociais, sindicais e ecoloxistas.
Esquerda Unida, Movemento Sumar Galicia e Partido Verde-Equo veñen de selar un preacordo político-programático que busca redefinir o modelo de cidade de Vigo. Lonxe de centrarse en repartos de listas ou fórmulas electorais prematuras, as tres organizacións elixen poñer o contador a cero para escoitar, primeiro, o que a cidade necesita.
Este documento, que nace como base de traballo, defende un Vigo que se afasta do modelo de “grandes anuncios” e propaganda institucional para centrarse no que realmente importa: a vida cotiá das persoas que habitan os barrios e parroquias
Un modelo de cidade construído de abaixo a arriba
O preacordo sitúa como eixos prioritarios o acceso á vivenda digna, a mellora radical do transporte público, a defensa dos servizos públicos, a transición ecolóxica real e a garantía de dereitos sociais e feministas.
“Non estamos aquí para falar de sillóns, senón de solucionar os problemas reais da nosa xente. Vigo merece un Concello que escoite, que sexa útil e que deixe de vivir de espaldas aos seus barrios”, sinalan fontes das organizacións asinantes.
Proceso de escoita activa e permanente.
O acordo non é un texto pechado; é un convite. A partir de hoxe, as formacións inician unha rolda de contactos con todo o tecido asociativo da cidade: desde as asociacións veciñais e sindicatos, ata os colectivos culturais, ecoloxistas e profesionais. O obxectivo é claro: enriquecer esta base programática coas achegas de quen mellor coñece Vigo.
Fronte ao modelo de propaganda, o modelo da xente.
As tres formacións critican un goberno local que, segundo apuntan, está demasiado centrado na imaxe e pouco na resolución dos conflitos sociais. O seu compromiso é traballar para construír un modelo que sexa:
Máis verde: para garantir a sostibilidade fronte á crise climática
Máis xusta: garantindo emprego de calidade e melloras nos dereitos básicos.
Máis democrática: recuperando a participación veciñal e colectiva nas decisións que afectan á súa contorna.
O debate sobre a fórmula electoral queda aparcado para un segundo momento, priorizando a construción dun proxecto sólido e compartido que sexa, ante todo, un instrumento útil para a veciñanza viguesa.



