Esquerda Unida secundará as accións convocadas pola comunidade educativa como resposta aos recortes e fronte á contrarreforma educativa do PP, apoiando e participando activamente na folga xeral do 24 de outubro, e iniciará unha campaña de actos informativos e reparto de panfletos.
As mobilizacións que se levarán a cabo en todo o Estado son o froito do acordo dos distintos sectores da comunidade educativa contra unhas políticas de marcado carácter mercantilista que teñen como obxectivo converter a escola pública en subsidiaria da privada: a baixada do investimento en educación; a diminución de bolsas e bolseiros/as; a caída das prazas de profesorado; a eliminación das axudas para adquirir libros de texto ou a redución das bolsas de comedor son boa proba disto.
Aos recortes orzamentarios súmase a teima do ministro Wert, cos azos da patronal do ensino privado e o poder eclesiástico, en levar adiante a LOMCE malia o rexeitamento dun amplo sector da comunidade educativa. Dende Esquerda Unida denunciamos que a aplicación desta lei suporá o desmantelamento do modelo de ensino público que se foi conquistando durante décadas e a súa paulatina substitución por un sistema mercantilista, antidemocrático, centralista e regresivo.
EU segue sendo fiel ao seu irrenunciable compromiso coa escola pública e continuará a traballar, nas institucións e na sociedade, na defensa dun modelo de educación inclusivo, igualitario, laico, de calidade, gratuíto e democrático. Perante o maior ataque ao ensino público, demandamos a maior concentración de forzas. Por isto valoramos positivamente a convocatoria unitaria de folga, aínda que lamentamos que esta unidade non se dea nas mobilizacións programadas para o 24 de outubro. Pedímoslle á sociedade unha participación masiva en todos os actos programados pola defensa do futuro do noso país, que é a educación das nosas fillas e fillos.