AS RAZÓNS VOLVEN A ESTAR DE PARTE DOS TRABALLADORES, NAMENTRAS A VIOLENCIA E AS PROVOCACIÓNS CAEN NO SACO DO SUBDELEGADO DO GOBERNO, DELFÍN FERNÁNDEZ
A FOLGA CONVOCADA É A RESPOSTA LEXÍTIMA A INTRANSIXENCIA PATRONAL
Esquerda Unida manifesta o seu total respaldo as demandas e mobilizacións que están a desenvolver na procura da mellora do convenio colectivo do metal pontevedrés as e os traballadores do metal da provincia de Pontevedra. As reivindicacións e mobilizacións dos traballadores son un factor fundamental para garantir que non caia nas nosas costas o custo dunha crise provocado polos defensores das políticas neoliberais.
Semella inaceptable a actuación da subdelegación do goberno: vinte furgóns policiais despregados para ciscar e rematar cunha protesta pacífica, que simplemente cortaba o tráfico na Praza de América. A nosa organización denuncia as actitudes provocadoras que tentan xerar violencia para ocultar o fondo do conflito: a negativa patronal a negociar e chegar a un acordo sobre para o metal da provincia. Catro traballadores feridos son o resultado do quefacer do subdelegado.
25.000 traballadores/as e, xa que logo familias, xóganse moito nesta negociación, que se atopa bloqueada pola intransixencia patronal, que descubrimos conta con valedores que só deberían ter como obxecto da súa actuación o ben común.
Esquerda Unida respalda a convocatoria de folga da vindeira semana e a previsión de que acade o carácter de folga indefinida a partires do día 15. Semella mesquiño que tralos beneficios records destes anos só atopemos mesquindade e intransixencia patronal. Reclamamos da patronal a volta as negociacións, e facemos un chamamento para que os poderes públicos velen polo respecto aos dereitos constitucionais que temos como traballadores. E afirmamos o valor da loita obreira en curso, que vai ser exemplar para fornecer as forzas da clase traballadora, para gañar forzas e confianza para conquerir unha saída social e democrática á crise.