Esquerda Unida esixe ao Concello de Vigo que interveña no conflito de FCC para garantir un servizo do lixo “con dereitos dignos“
Esquerda Unida de Vigo amosou este luns o seu total apoio ao persoal do servizo municipal de recollida de lixo, que vén de convocar unha folga indefinida a partir do vindeiro 24 de maio. A mobilización xorde ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria, FCC.
A organización subliñou que este conflito “non pode tratarse como un problema alleo ao Concello”. Desde EU lembran que a recollida de lixo é un servizo público esencial de competencia estritamente municipal, que actualmente está privatizado a través dun contrato que supera os 400 millóns de euros e que se estende ata o ano 2031.
“Cando un servizo público depende dunha empresa contratada polo Concello, o goberno de Abel Caballero non pode mirar para outro lado. A veciñanza ten dereito a un servizo de calidade e o persoal, a unnas condicións laborais dignas”, sinalou o coordinador local de EU Vigo, Guillermo Crego.
Recortes na xubilación parcial
Para EU Vigo resulta “inaceptable” que nun traballo con fortes cargas físicas, que se desenvolve na rúa e baixo condicións climatolóxicas adversas (exposición ao frío, á calor e á choiva), preténdanse recortar dereitos historicamente consolidados como os vinculados á xubilación parcial. A formación insiste en que non se trata dun “privilexio”, senón de condicións de saúde e dignidade básicas para os operarios.
Neste sentido, Esquerda Unida reclama que o Concello convoque de urxencia ás partes, esixa a FCC unha saída negociada e asuma a súa función como responsable político último do servizo. Segundo a organización, a xestión dunha concesión municipal non pode limitarse a pagar a unha empresa privada mentres se deterioran as condicións laborais ou se bloquea un conflito que rematará afectando de cheo ao conxunto da veciñanza viguesa.
Fiscalización real contra as campañas de imaxe
Finalmente, a formación defende a necesidade de implementar unha fiscalización real das grandes concesionarias da cidade. Isto implica un control estrito dos contratos, o seguimento das condicións laborais, a avaliación pública da calidade do servizo e a capacidade de intervención directa ante posibles incumprimentos.
“Unha cidade limpa non se constrúe só con campañas de imaxe ou propaganda. Constrúese con persoal suficiente, dereitos laborais blindados, control público e respecto polos servizos que fan posible a vida diaria de Vigo”, concluíu Crego.




