EU APOSTA POR A XESTIÓN DESCENTRALIZADA DOS RESIDUOS BASEADA NUNHA REDE DE PEQUENAS CENTRAIS DE TRATAMENTO PARA REDUCIR O IMPACTO MEDIOAMBIENTAL
Logo do anuncio por parte da Xunta de Galicia do “Plan de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020” no que se contempla o financiamento por parte de capital privado nun 84% das novas infraestruturas de tratamento de residuos, Esquerda Unida ten que mostrar o seu total rexeitamento a este modelo de xestión.
Para Esquerda Unida, este plan, ademais de seguir apostando maioritariamente pola centralización e a incineración coa construción dunha nova planta de incineración no Sur de Galicia, non ten máis obxectivo que abrir un novo campo de negocio que permita a certas empresas privadas seguir obtendo beneficios.
A xestión dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU) é un dos maiores problemas que se nos presentan actualmente nun momento no que estamos xerando moitos máis residuos dos que a terra é capaz de asumir. Esta xestión debe entenderse sempre como un servizo público básico e polo tanto debe primar a minimización do impacto ambiental e non os beneficios económicos que se poidan obter.
Esquerda Unida pula por unha xestión descentralizada dos RSU baseada nunha rede de pequenas a centrais de tratamento o que reduciría o impacto medioambiental derivado do transporte dos RSU ademais de diminuír o risco de vertidos tóxicos e a conseguinte contaminación de acuíferos.
A aposta pola Redución, Reutilización e Reciclaxe dos residuos debe ser prioritaria e non simplemente testemuñal. Este non parece ser o plan da Xunta de Galicia, xa que ademais de promover a inversión privada nas novas infraestruturas, a meirande parte da inversión, o 60%, sería empregado na construción da nova planta de incineración. Con esta nova entrada de capital privado no tratamento dos residuos e tendo en conta que Sogama cobra sobre 50 euros aos Concellos por tonelada de residuos retirados, non podemos esperar que se promova realmente a redución de residuos, xa que, a maior cantidade, maior beneficio económico. Así mesmo, esta nova entrada de capital privado pode resultar nun aumento do prezo que se lle cobraría aos Concellos pola retirada dos residuos, o que finalmente se traduciría no incremento das taxas municipais, que servirían para seguir abafando aos xa castigados petos de galegos e galegas.
O fin e o cabo, cando se fala de privatizar servizos públicos non se trata máis que da política propia dos partidos defensores do capitalismo: transferir as rendas dos traballadores (mediante taxas) ao capital. Esquerda Unida reitera a súa defensa do tratamento dos residuos en tanto que servizo público atento aos parámetros que respectan o medio ambiente e, polo tanto, manifestámonos contrarios a este novo enxalzamento e abuso da incineración.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida