ESQUERDA UNIDA DENUNCIA OS EFECTOS NEGATIVOS DA DESPREGADURA MILITAR

Esquerda Unida de Vigo manifesta o seu rexeitamento fronte ás decisións políticas que están a preceder á celebración dos actos do Día das Forzas Armadas, previstos na nosa cidade ao longo da última semana de maio, e que xa están a xerar impactos negativos no día a día das veciñas e veciños de Vigo.

A despregadura de miles de efectivos e material militar en varios puntos da cidade alterou gravemente a normalidade urbana e provocou peches e restricións inasumibles para os servizos públicos e para a convivencia cidadá. Máis de 3.000 militares serán desprazados, con acuartelamentos e zonas de exposición e adestramento en espazos civís da cidade.

Entre as consecuencias directas deste dispositivo militar, denunciamos:

O peche de instalacións deportivas municipais

  • O complexo deportivo das Travesas será ocupado como campamento militar durante máis de un mes, o que está a deixar a clubs, deportistas e persoas usuarias sen alternativas claras para continuar coa súa actividade deportiva habitual.
  • A pista de atletismo de Balaídos queda pechada durante semanas, en plena preparación competitiva para numerosos atletas e equipos locais, obrigando a buscar espazos improvisados ou, en casos extremos, a desprazarse fóra da cidade para poder adestrar.
  • As restricións de estacionamento e circulación arredor destas instalacións, que permanecerán sen uso ata xuño, están a dificultar a mobilidade urbana e a ocupar espazos pensados para o uso veciñal.

Esquerda Unida denuncia tamén a falta de transparencia do goberno municipal respecto aos custos reais deste evento e á falta de explicacións detalladas sobre a cesión de espazos públicos para usos militares. Esta falta de transparencia agrava a percepción de que os intereses cidadáns están a ser sacrificados en favor de actos de exaltación militarista.

Esquerda Unida considera inaceptable que decisións que afectan á cidadanía se tomen sen diálogo previo, sen garantías de prestación de servizos públicos e sen alternativas reais para os colectivos afectados. Por isto, esiximos:

  • A rectificación inmediata da ocupación de instalacións públicas para usos non deportivos.
  • A apertura de canles de transparencia sobre os custos e convenios relacionados co evento.
  • Garantías reais de acceso a servizos públicos para aqueles sectores que están a ver prexudicada a súa actividade —como o deporte base e as condicións de vida das persoas usuarias.

Dende Esquerda Unida sosteñen que Vigo debe ser unha cidade que defenda o benestar, os servizos públicos e a convivencia, e non un escenario para actos que poñen en risco precisamente estes valores centrais.

Relacionados