YOLANDA DÍAZ RECLAMA UNHA MEIRANDE DOTACIÓN DE RECURSOS NO CIM E A FIN DA PRIVATIZACIÓN DOS PUNTOS DE ENCONTRO
A COORDINADORA XERAL SOLICITA O DESENVOLVEMENTO DA LEI GALEGA PARA A PREVENCIÓN E O TRATAMENTO INTEGRAL DAVIOLENCIA DE XÉNERO
En rolda de prensa celebrada na Coruña, Yolanda Díaz denunciou a situación de privatización dos puntos de encontro e a notable insuficiencia dos recursos adicados aos centros de información da muller, reclamou tamén un esforzo orzamentario para mellorar as dotacións vencelladas coas casas de acollida. Citou como exemplo o caso de Ferrol, onde EU impulsou a compra duns terreos adxacentes á casa de acollida para proceder a súa ampliación e mellora, asemade da dotación cun inmoble propio e digno do actual CIM.
A Coordinadora Xeral de Esquerda Unida considera imprescindible, que se acorden un conxunto de actuacións que permitan o desenvolvemento real da lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada polo anterior goberno bipartito da Xunta, xa que logo, adoece dunha serie de cumprimentos, que eivan gravemente a súa eficacia.
Pola súa parte a Coordinadora Local da Coruña, Alba Sánchez, entende necesario que con urxencia e de maneira participada -mediante un traballo colectivo co movemento feminista e de mulleres- sexamos quen de desenvolver nas administracións públicas un Plan Integral Contra a Violencia de Xénero para dotarmos como cidadanía dunha ferramenta para axudar ás mulleres vítimas desta execrable violencia.
Gabinete de Prensa Secretaría de Comunicación Executiva Nacional de Esquerda Unida