A proposta de EU pretende que o Concello de Vigo tome posición en contra do informe do comité de expertos proposto polo goberno para evaluar o “factor de sustentabilidade do sistema público de pensións”. Pide que o acordo do pleno do concello traslade a queixa formal ao goberno central
Para EU “dito informe ten entre as súas conclusións unha proposta de desligalas pensións da evolución do IPC e ligalas ás contas da Seguridade Social; propón tamén reducir a pensión inicial pretextando a maior esperanza de vida; e adiantar os prazos de entrada en vigor do alongamento da idade de xubilación, cun novo sistema de cálculo máis lesivo para as persoas traballadoras. “
Esquerda Unida considera que a ameaza que verdadeiramente pendura sobre as pensións públicas é a teimuda aplicación dunha política que esgota o crédito, destrúe emprego e devasta os servizos públicos, que xeran benestar e dinamizan a vida económica. É o neoliberalismo o que ameaza as pensións públicas e a cidadanía traballadora. A continuación de políticas desta matriz ideolóxica son as que arruínan o futuro deste país.
Lembra que as pensións galegas son as máis baixas do estado. Os datos elaborados pola Seguridade Social en maio deste ano fixan como media da pensión galega 723.18 euros, e comprendendo os diferentes tipos de prestación (xubilación, imcapacidade permanente, viuvedade e orfandade) 649.33 euros. O futuro das nosas vilas e cidades onde máis de 43.000 familias cobran pensións non contributivas tamén esta seriamente danado.