ESQUERDA UNIDA DE VIGO PRESENTARÁ PROPOSTAS DE MODIFICACIÓNS NAS ORDENANZAS MUNICIPAIS APROBADAS NO PLENO DO 25 DE OUTUBRO

EU de Vigo, de acordo co co artigos 17 do RDL 2/2004 de 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e 49 da Lei 7/85 de Bases de Réxime Local presentará suxerencias para a modificación das ORDENANZAS MUNICIPAIS. As propostas de EU enfatizan a inclusión de bonificacións por recursos económicos no IBI aplicables aos supostos de rendas familiares ou personais por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, aumento das tasas ás entidades bancarias por ocupación de vía pública e mesmo o aumento da reserva de pasos entre terrazas ante a proliferación de ocupación de establecementos hosteleiros da vía pública sen control algún.

Esquerda Unida de Vigo presentará unha ampla batería de medidas para as ordenanzas fiscais modificadas este mes de outubro, ao obxecto de procurar introducir nelas tanto criterios de protección para os sectores sociais máis febles canto para introducir criterios de progresividade e que favorezan a loita contra a especulación e o acceso á vivenda en aluguer.

Esquerda Unida propón que se incorpore a figura do aprazamento sine die nos pagos fraccionados da débeda no entanto o suxeito pasivo se atope no desemprego ou perciba uns ingresos inferiores ao SMI. Na actual situación excepcional de crise, os poderes públicos teñen que ser particularmente sensibles as situacións de desemprego e falla de recursos.

Coa finalidade  de gañar progresividade nos tributos municipais – que pague máis quen máis ten – , Esquerda Unida  introducirá un índice corrector nos pagamentos que atenda aos ingresos per capita da unidade familiar.

Esquerda Unida impulsou a modificación contemplada na Lei de Facendas Locais, que agora permite que as vivendas baleiras desocupadas poidan ser gravadas cun incremento no IBI de até un 50%. Defendemos que esta posibilidade se incorpore ás ordenanzas fiscais do vindeiro ano ao obxecto de avanzar na solidariedade e na mellora dos ingresos fiscais.

EU tamén propón penalizar fiscalmente aos propietarios de solares urbanos consolidados que non cumpren co deber de edificar cun alza de até o dobre da cota do IBI. No mesmo senso, imos penalizar fiscalmente aos propietarios que incumpran o deber de conservar os seus inmobles para provocar a declaración de ruína, decuplicando a taxa cando é o propietario quen a promove.

Os planos ou informes solicitados polas entidades sen ánimo de lucro que consten no rexistro de asociacións gozarán dunha exención na súa taxa, ao obxecto de facilitar o dereito e o acceso a información por parte do tecido asociativo cidadá.

Esquerda Unida entende que as nosas achegas lle entregan as ordenanzas fiscais un perfil  que incide en facelas máis atentas aos sectores sociais especialmente  golpeados pola crise, asemade de avanzar no campo da progresividade fiscal, esto é, que pague máis quen máis ten.

Relacionados