O coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez anunciou hoxe que EU proporá a cidadanía viguesa un ORZAMENTO ALTERNATIVO que tome como base de traballo as políticas de orzamento participativo que IU ten implantado en moitos Concellos que goberna.
EU considera preocupante que algún medio coñeza antes que a oposición e a cidadanía o contido da proposta orzamentaria que, polo recollido hoxe nos medios, é unha proposta “reincidente” nos erros que EU denunciou de orzamentos anteriores “falta de rigor nas partidas e na execución final das mesmas” e “descontrol no seguimento do gasto en servizos privatizados e externalizados”.
Hoxe EU reúne a súa área de política municipal para artellar un primeiro borrador de traballo que tamén centre propostas de resistencia á lei de reforma de bases locais que aprobou o PP.
EU considera que é necesario que a cidadanía viguesa coñeza como se elabora o orzamento local, cales son as limitacións do mesmo, pero tamén que potencialidades de mellora existen cando se realiza dende unha óptica participativa e que prioriza o gasto social real, non o consignado a partidas xenéricas que en ocasións non acaban en políticas xerais directas. EU pon como exemplo os miles de euros de publicidade do chamado plan de emerxencia social do orzamento de 2013.
EU pedirá explicacións concretas sobre os motivos polos que partidas do 2013 non foron executadas na súa totalidade e seguirá denunciado os convenios do plan de emprego que pide que desaparezan e sexan substitutos por plans de emprego directos con oferta pública.