ESQUERDA UNIDA DE VIGO PREGÚNTASE SE O CONCELLO, QUE VEN DE APROBAR NON TRABALLAR CON ENTIDADES QUE REALIZAN DESAFIUZAMENTOS, PENSA TODAVÍA OBTER 27 MILLÓNS DE EUROS EN PRÉSTAMOS A ENTIDADES BANCARIAS ENTRE ESTE 2012 E O 2014.

O coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, valorou hoxe como “baleiro de contido real” o anuncio do Concello de non operar con entidades bancarias que realicen execucións hipotecarias. O coordenador considera que o PSOE ten unha responsabilidade “ineludible” na arquitectura legal e institucional aos desafuizamentos que agora pretende agochar tras acordos en pleno que son “papel mollado” ante o feito do contínuo recurso do endebedamento municipal con entidades bancarias (máis de 30 millóns se lle deben ao BBVA actor protagonista de miles de desafiuzamentos no estado español).

EU lembra que nos ORZAMENTOS APROBADOS para o 2012 establecíase un horizonte de novos préstamos entre 2012 e 2014 por valor de 27,6 millóns de euros, préstamos adicados case en exclusiva a seguir coa política de humanizacións con cargo ao endebedamento coas entidades de crédito privadas. Curioso xeito entón, engadíu Rubén Pérez, de castigar co “latigo da indiferencia municipal” a estas entidades bancarias.*

ESQUERDA UNIDA leva dende mediados dos 90 protestando e presentando iniciativas contra as sucesivas modificacións da lei do solo, da lei hipotecaria, da de arrendos urbáns…. igualmente seguimos denunciando as medidas de “puro maquillaxe” do drama dos desafiuzamentos xa que como recollía Yolanda Díaz, deputada de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA e coordenadora nacional de EU: “O Real Decreto Lei 27/2012 de medidas urxentes para protexer aos debedores hipotecarios, é inxusto, déixanos na indefensión e só beneficia á banca “

EU considera inútil a proposta do PP, xa que:

a) O marco temporal decretado para a efectividade da suspensión temporal semella a todas luces insuficiente xa que nada, nada, garante que dentro de dous anos a situación das persoas afectadas mellore de forma substancial. A afirmación “con la confianza de que, a la finalización de este período, habrán superado la situación de dificultad en que se puedan encontrar en el momento actual” é un auténtico disparate, análogo ao dos “brotes verdes”. Desde Esquerda Unida, polo contrario, estamos convencidos que a mala situación económica, tendo en conta as desastrosas políticas do PP e da Troika, poden manterse, cando non empeorar.

b) Unámoslle ao anterior que o PP decidiu inhibirse e declara textualmente que o real decreto-lei non altera o procedemento de execución hipotecaria, polo que as persoas que estean nunha situación de “suspensión temporal” verán como os intereses de mora medran durante os dous anos como unha enorme lousa.  A consecuencia semella devastadora: o mantemento dunha mala situación económica, unida ao incremento dos intereses significarán, de forma inmediata, a perda da vivenda e a adquisición dunha débeda incrementada (polo propio goberno).

c)  Os supostos e os límites económicos (19.200 euros) son restritivos, xa que deixan fóra a moitas persoas que están, por moito que non o recoñeza este real decreto-lei, pasando por moitísimas dificultades debido non só a que hai unha situación de crise capitalista, senón a que todas as políticas de austeridade (neoliberal) do goberno foron contrarias ás posibilidades de que as persoas cheguen a fin de mes con tranquilidade.

d)  A única retroactividade que existe no real decreto-lei ten que ver co banco de vivendas na disposición adicional única. Pero o texto é claro no verbo empregado, promover, e, polo tanto, como a súa realidade efectiva vai depender, unha vez máis, da vontade da oligarquía financeira, estamos convencidos de que nada se vai facer ao respecto.

O grupo parlamentar de IU-A ESQUERDA PLURAL ven de presentar unha Proposición Non de Lei de moratoria de lanzamento execucións hipotecarias ao considerar que mentras no existe un marco legal e institucional non se pode seguir expulsando a cidadáns das súas videndas.

*Datos do endebedamento municipal en Vigo:

http://hoxe.vigo.org/pdf/orzamentos/2012/Concello_Estado_Deuda_Tres_Anos.pdf

 

Relacionados