O coordinador local de Esquerda Unida en Vigo, Rubén Pérez, lamentou hoxe o finamento de Luís González, coñecido por todos e todas como “Ferreiro”, nome que adoptara na clandestinidade como militante do aparato de propaganda do Partido Comunista de de Galicia. “Varias xeracións de homes e mulleres que comezamos a nosa militancia en Esquerda Unida e o PCG de Vigo tivemos en Luís un exemplo de militancia, sacrificio e loita polos valores da xustiza social e a democracia plena” engade o coordinador.
Esquerda Unida lembra a traxectoria de Luís “Ferreiro”, nado en Vila de Cruces en 1936, emigrado a Francia e retornado a Vigo, xa como militante clandestino do Partido Comunista de España no ano 1967, a onde chega para colaborar no aparato clandestino de propaganda sendo responsable de obter recursos para as imprentas clandestinas de toda Galicia. “Ferreiro construíu zulos para as imprentas en Vigo, na comarca de Coruña, etc, que albergaron as maquinas que imprimiron os panfletos nas folgas do 72 en Vigo e Ferrol e especialmente as copias de ‘Mundo Obrero’ que logo el mesmo distribuía cun complexo sistema de enlaces por toda Galicia” relata Rubén Pérez.
Ferreiro foi membro do primeiro Comité Central do recén fundado Partido Comunista de Galicia en París, xunto con figuras como o xeneral Enrique Líster e Santiago Álvarez. Foi detido nun numeroso operativo policial para desarticular o aparato clandestino de propaganda en Galicia mentres estaba na Coruña mercando tintas para as imprentas, sometido a un ronsel de torturas durante o interrogatorio da policía franquista e sufrindo anos de cárcere. Participou activamente en Esquerda Unida e no PCG da comarca de Vigo e mesmo, co seu compromiso militante e o seu xeito de entender a unidade popular como un mecanismo de avanzar nos dereitos da clase traballadora foi activo participante do espazo de unidade popular que é Marea de Vigo.
Rubén Pérez, Coordinador local de EU en Vigo e concelleiro da Marea de Vigo sinala o “profundo exemplo moral e de militancia que Ferreiro nos inculcou a mozos e mozas que chegabamos á organización en momentos moi duros para a esquerda e aos proxectos emancipadores despois da caída dos países socialistas, nos duros anos 90 e da militancia esforzada, da que el era un vigoroso exemplo: para estar nunha asemblea tomando notas e intervindo, para pegar carteis en campañas electorais ou para cantarnos cancións en actos políticos e culturais; xa que Luís, ademais dun gran camarada, tiña unha voz excepcional”.
A Coordinadora Local de Esquerda Unida en Vigo traslada o seu pésame á familia de Luís “Ferreiro”, cuxo exemplo estará sempre presente, e cuxa persoa será sempre lembrada con cariño e admiración.