O coordenador local de EU en Vigo, Rubén Pérez, denunciou hoxe unha práctica programada de cancelar programas como SUBETE AO CASTRO cunha participación e actividade programada moi notable e a súa sustitución por actuación lúdico-deportivas puntuais, mediante contrato directo, con empresas absolutamente “descoñecidas” no ámbito da programación cultural ou xuvenil.
ESQUERDA UNIDA non entende como de xeito sorpresivo foi cancelado o programa SÚBETE AO CASTRO cando existía partida orzamentaria para este 2015 e estaba sendo un programa de éxito para o fomento dun concepto de lecer que aposta pola creatividade, a participación xuvenil e a autoxestión das actividades.
Rubén Pérez considera que “de ser certo que o cese do programa foi debido a un erro administrativo na xestión da renovación da concesión, contida no propio prego do programa, en circunstancias normais este erro podería ter sido subsanado”. O feito de non facelo amosa para EU unha intencionalidade clara de cancelar o programa e sustituilo por contratos menores dados directamente a determinadas empresas.
ESQUERDA UNIDA lembra que o artigo 48 da Constitución Española recoñece o dereito dos mozos e mozas a participar na elaboración das políticas destinadas a estes, polo que considera que os programas que de xeito arbitrario están sendo promovidos pola concellaría de mocidade non apostan máis que por ser negocios lucrativos coa excusa dun inexistente plan de dinamización do lecer xuvenil.