ESQUERDA UNIDA DE VIGO ALERTA DA DIMENSIÓN HOMO-BI-LESBO-TRANS-FÓBICA DA CRISE CAPITALISTA

EU lanza un manifesto con motivo do DIA DO ORGULLO LGTBI 2012 (28 DE XUÑO) que parte da profunda defensa dos dereitos e liberdades das persoas como punto esencial e a dimensión represiva sobre as persoas LGTBI que ten esta crise capitalista.

No seu manifesgo EU lembra que o 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTBI no país, por iso, neste día, se conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.

Para EU as fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

É necesario un recoñecemento a todos aqueles actores sociais vinculados ás loitas sociais, por seren os e as máximas responsables de que agora mesmo existan certos dereitos recoñecidos para as persoas LGTBI, como tamén da existencia de iniciativas municipais e autonómicas que teiman en representar un compromiso coa loita colectiva pola igualdade e a liberdade real destas persoas.

A pesares de terse regularizado o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, ou aprobado leis como a chamada “lei de identidade de xénero”, queda moito camiño por percorrer, como demostran coa súa loita os movementos sociais.

Relacionados