A agrupación de Esquerda Unida de Vigo dá un paso adiante na loita contra as violencias machistas ao transformar o seu local social, sito na Porta do Sol, nun Punto Lila permanente. Con esta iniciativa, EU Vigo convértese na primeira formación política da cidade en ofrecer este tipo de servizo público á cidadanía.
A proposta naceu do seo do grupo de mulleres da agrupación, motivadas pola necesidade de ofrecer axuda directa ás vítimas. Segundo explica Geni Pillado, responsable local de Igualdade de EU Vigo, a idea xurdiu dunha reflexión colectiva: “Que podemos facer para axudar ás vítimas das violencias machistas? Por que nas festas e en tempos de máxima aglomeración non cedemos o noso local para a localización dun Punto Lila?”.
Formación aberta á cidadanía
Tras presentar o proxecto á Subdelegación do Goberno en Pontevedra —onde tivo unha excelente acollida— e recibir a formación pertinente, a organización quere facer partícipe a toda a veciñanza.
Por este motivo, Esquerda Unida convoca a todas as mulleres de Vigo que desexen colaborar nesta iniciativa a unha xornada de formación que terá lugar:
- Data: Mércores, 21 de xaneiro.
- Hora: 19:30 h.
- Lugar: Sede de EU Vigo (Porta do Sol, nº 11 bis, oficina 1), xunto ao espazo onde se instala habitualmente a árbore de Nadal.
Presenza en grandes eventos
O obxectivo prioritario deste novo Punto Lila é garantir a presenza de mulleres colaboradoras durante as datas de maior afluenza na Porta do Sol, como o Entroido, a Reconquista ou as fins de semana de Nadal. O servizo non só está deseñado para atender a posibles vítimas de agresións, senón tamén para ofrecer información a calquera persoa que o precise. Ademais da atención presencial, o local contará cun código QR visible na porta para facilitar o acceso rápido a información de axuda.



