Esquerda Unida considera que as declaracións sobre os dereitos da poboación migrante vertidas onte pola Vicepresidenta Fernández de la Vega constitúen unha falacia

EU QUERE ACLARAR QUE NON É CERTO QUE AS PERSOAS INMIGRANTES TEÑAN OS MESMOS DEREITOS QUE O RESTO DA CIDADANÍA

“No xogo macabro da palabra, cando en boca de políticos irresponsables, sempre perde a verdade” con esta declaración respondía o responsable da Secretaría de Movementos Sociais da Executiva Nacional de Esquerda Unida, Xavier Ron, as declaracións sobre os dereitos da poboación migrante vertidas onte pola vicepresidenta Fernández de la Vega.

O responsable de Movementos Sociais indicou que é o que acontece co intercambio verbal entre os representantes da dereita política e económica do estado español, pero máis preocupante é, se cabe, que quen goberna, neste caso Fernández de la Vega, sabendo que as cámaras van recoller as súas palabras, que son unha resposta aos desexos “humanitarios” de Rajoy, manifestara onte que os “inmigrantes tienen las plenas obligaciones y los derechos de ciudadanía”.

Xavier Ron expresou “farto das verdades a medias, afirmo que Fernández de la Vega minte para defenderse doutra mentira”, xa que logo, “Non é certo que as persoas inmigrantes teñan todos os dereitos do que se supón é a cidadanía: teñen máis obrigas que dereitos, e padecen as consecuencias da discriminación que regula a recente reforma da Lei de Estranxeiría”.

Ron motivou as súas declaracións mostrando algúns dos dereitos dos que carece a poboación migrante. Comezou citando a obriga do reempadronamento, figura discriminatoria que só obriga ás persoas migrantes e non aos “autóctonos”, para seguir cun pequeno elenco representativo dos dereitos que non teñen:

– Non teñen dereito ao voto activo ou pasivo..
– Non teñen dereito a convivir cos seus seres queridos ate pasados 5 anos.
– Non teñen dereito á liberdade: outro nome non pode recibir o acoso policial ás persoas migrantes connotadas etnicamente para solicitarlles a documentación (conduta racista institucional).
– Non teñen dereito a unha real negociación do seu salario e contrato laboral: teñen que manter como sexa a cotización á seguridade social, baixo pena de non poder renovar a residencia: de aí que sexa presas doadas de empresarios sen escrúpulos que pagan baixos salarios e negan dereitos laborais adquiridos –aceptan por medo á perda dos “papeis”.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

Relacionados