ESQUERDA UNIDA CHAMA A MOBILIZARSE O 29 DE FEBREIRO

O CONSELLO LOCAL DE EU DE VIGO CHAMA A PARTICIPAR Á CIDADANÍA NA XORNADA DE ACCIÓN EUROPEA CONVOCADA POLO SINDICALISMO DE CLASE EUROPEO E QUE NA DEFENSA DO EMPREGO, OS SERVIZOS PÚBLICOS E CONTRA O GOLPE DE ESTADO EN MATERIA LABORAL.

A devandita mobilización está convoca pola CES (Confederación Europea de Sindicatos), nas vésperas do Consello Europeo, esa malfadada sorte de directorio franco-alemán que tiraniza en clave neoliberal aos pobos e clases traballadoras do continente europeo. Esquerda Unida entende indispensable profundar na xeira de mobilizacións e loita social na defensa dos dereitos sociais e democráticos que a ofensiva posta en marcha polo PP ameaza de xeito radical no noso país e así no conxunto do Estado como en Europa.

Este mércores, día 29, as mulleres e homes de Esquerda Unida tornarán a sumarse enfronte do MARCO ás 20 horas a unha esixencia cívica de cambio social nas políticas europeas, na convocatoria que CC.OO e UGT realizan no marco europeo. Hoxendía segue a ser unha esixencia perentoria a vella fórmula do internacionalismo proletario, que reclama a acción unitaria das clases traballadoras.

Nesa loita sostida, EU avoga polo máximo grao de unidade por parte do sindicalismo de clase do noso país, e polas entidades políticas e sociais que acreditan noutra alternativa política ás actuais directrices neoliberais. Esquerda Unida está certa de que unha vez máis, as mulleres e homes de Vigo van saír ás rúas para demandar na linguaxe veraz e formidable das rúas un futuro distinto mellor para a nosa cidadanía, futuro que pasa inexcusablemente polo fortalecemento duns servizos públicos gratuítos, universais e de calidade, xestionados de xeito público directo.

Xa que logo, EU vai soster a animar as mobilizacións que están a desenvolver as traballadoras e traballadores públicos na nosa cidade.

Relacionados