Para Roi Rodríguez, nº 3 da candidatura de Esquerda Unida, o deporte converteuse nun fenómeno social. Pero a promoción do deporte de élite non debe ser función dos concellos, o que si é a súa función é potenciar a actividade deportiva da poboación, organizar escolas de iniciación, ofertar a aprendizaxe de disciplinas deportivas ou organizar competicións deportivas de face á formación de nenos/as e novos ou favorecer un lecer saudable para as persoas adultas ou a terceira idade.
Para Esquerda Unida a consideración do deporte e da actividade física como un dereito converteu en necesidade actividades como a natación e provocou que o ámbito asociativo con maior número de participantes sexa o deportivo. Como consecuencia diso as piscinas cubertas pasaron de ser instalacións de luxo a equipamento de primeira necesidade. O mesmo cabe dicir dos ximnasios.
Por todo iso, porque consideramos que os municipios son o ámbito ideal para a promoción dun lecer saudable, Esquerda Unida quere realizar unha forte aposta polo deporte municipal:
• Implantando unha rede de equipamento deportivo ao longo de todo o termo municipal.
• Deseñando pavillóns deportivos cubertos xunto a colexios e institutos co fin de optimizar o seu uso dedicándoos a fins educativos durante a xornada escolar e a fins de lecer e promoción fose do horario escolar.
• Programando escolas deportivas do maior número de especialidades dirixidas tanto á infancia como á mocidade, ás persoas adultas e á terceira idade.
• Creando un sistema de competicións deportivas no ámbito infantil e escolar antepondo o educativo cooperativo ao meramente competitivo, favorecendo a non discriminación e fomentando o acceso ao deporte de todos e de todas independentemente das cualidades físicas.
• Ofrecendo ás persoas adultas actividades deportivas como alternativa de lecer: ximnasios, competicións.
• Fomentando actividades específicas para discapacitados e outras que permitan a súa integración co resto da poboación.
• Deseñando actividades para a terceira idade en coordinación cos servizos de saúde.
• Procurando desenvolver experiencias de coxestión con entidades deportivas locais sen ánimo de lucro, co fin de fomentar a participación da sociedade organizada na xestión municipal.