CRONOLOXÍA FUSILAMENTO XOSÉ HUMBERTO BAENA. 22 DE XULLO DE 1975

Este artigo é a continuación dunha serie de artigos que describen datas claves na vida de Xosé Humberto Baena que desencadenou co seu fusilamento aos seus 25 anos, acusado dun delito que non cometeu e sen deixarlle posibilidade de defensa. Podes ler o inicio no artigo CRONOLOXÍA FUSILAMENTO XOSÉ HUMBERTO BAENA. 1 DE MAIO DE 1975

Antes de fuxir a Madrid Xosé Humberto estivo agachado no piso duns amigos onde tamén levaba días agachada sua noiva Maruxa. O piso estaba baleiro e tiñan que estar todo o día coas persianas baixadas e nin podian tirar da cisterna por non delatar a súa presencia.

Descartada a fuxida a Portugal, o irmán da dona do piso ofreceuse a levalos a Madrid a casa dun camarada de Vigo que estaba estudiando na universidade. Foi alí onde poideron contactar con Pablo Mayoral responsable de propaganda do partido e que tamén axudaba a encontrar acomodo aos compañeiros que eran buscados pola policía.

Por seguridade cambiaron moitas veces de residencia. Estiveron nalgunha chavola, en pisos baleiros sen auga e sen luz, ata tiveron refuxio durante uns días na casa dun alto mando do exército fundador da clandestina Unión Militar Democrática (UDM). “Deixábanos a porta da súa casa aberta a medianoite e durmíamos nun despacho onde había un sofá. Antes das seis da mañá tiñamos que marchar, imaxino que sería para que non se enterase a súa familia”

Xosé Humberto e Maruxa estaban a esas alturas plenamente integrados no FRAP en Madrid e cumprían estritamente todas as medidas de seguridade: Non esperar máis de 5 minutos da hora concordada, vestir de xeito discreto, non ir de progue, e seren especialmente observadores para detectar a presenza da policía. Maruxa lembra ”en Madrid non nos sentíamos tan seguidos pola policía, estabamos máis tranquilos, o Partido informábanos de onde e cando eran “os saltos” e nos acudíamos”.

O 27 de maio participaron nunha protesta solidaria co Frente Polisario, que demandaba a independencia do Sahara Español. España prometera un referendum na primavera de 1975, pero fora suspendido pola oposición de Marrocos que reclamaba o territorio para si.

A acción consistía en facer unha pintada e tirar un cóctel Molotov contra un banderín de enganche da Lexión en Vallecas. Cando fuxíamos correndo detiveronme e leváronme á Dirección General de Seguridad (DSG) – conta Maruxa – Unha vez alí declarei que eu non tiña nada que ver, que chegara de Vigo para buscar traballo e que pasaba por alí porque estaba buscando unha pensión. Como proba amoseilles o resgardo da maleta que deixara na estación de Atocha con algo de roupa de cando chegamos a Madrid.

Non puideron vincular a Maruxa cos feitos, pero despois de tres días de interrogatorio puxéronlle unha multa de 3 meses de prisión en Yeserias. A detención de Maruxa ás poucas semanas de chegar a Madrid supuxo un durísimo golpe para Xosé Humberto que se uníu á tristura que xa arrastraba por estar lonxe da súa familia e da súa terra.

O asasinato do policía Lucio Rodríguez Martínez o 14 de Xullo de 1975 ás 22:00h esixía por parte dos sectores máis ultrafranquístas do réxime unha rápida resposta. Tivérona. En menos de 24 horas detiveron a Pablo Mayoral, que estaba a ser seguido dende facía meses .

Pablo estivo 8 días retido na DGS sen sair do despacho onde foi interrogado e torturado polo Comisario Conesa, xefe da Brigada Político Social coñecido como “caza rojos” e polo seu home de confianza Luis Antonio González Pacheco, máis coñecido polo alcume de “Billy el Niño”.

Nos seguintes días foron detenidos moitos integrantes do FRAP, pero o atentado do 19 de Xullo contra o policía Justo Pozo fixo que esta mostra de forza por parte do FRAP acabara coa detención de ducias de militantes nos días seguintes.

Así relata Xosé Humberto Baena a súa detención o 22 de Xullo: ”Ás dez da noite saía dunha reunión, despedíame dos meus compañeiros cando oito sociales caeron sobre min tirándome ao chan e poñéndome unha pistola na sen. Trasladáronme esposado á DGS. Decíanme que ían a golpearme ata que declarase, pero ían deixarme vivo para que poidese asinar a declaración. Pouco tempo, non moito, logo xa me liquidarían co garrote vil. Ante a miña negativa comenzaron os golpes. Lanzábanme dunha parede a outra do despacho e golpeábanme cos puños e as porras. Noutro momento, puxérone cara a parede e comenzaron a golpearme cun bolígrafo na columna , pasado un tempo a dor da espalda fixóse tan insoportable que non podía moverme. Coa cara destrozada e sen poder ver dun ollo asinei a declaración o 23 de Xullo.”

A noiva de Xose Humberto Maruxa estaba presa en Yeserias sen saber que o detiveran.

Conta Maruxa: ”Imaxino que foron atando cabos. Un día dixéronme que quedaba en liberdade, cando saín do cárcere estaban esperandome para levarme a DGS. Foron dez días terríbles, malláronme a golpes, pero eu seguín mantendo a miña versión”

Xosé levaba días sendo torturado cando decidiron facer un careo entre eles. “Fixemos que non nos coñecíamos, deixarónnos sos nun cuarto para ver si falábamos algo. Eu estaba machacada, pero el estaba destrozado. Tiña a cara desfigurada polos golpes, a mandíbula rota. Non podía falar”.

Tras dez dias na DGS Maruxa foi outra vez ao cárcere, pero antes tivo que ser ingresada durante 15 días no Hospital de Carabanchel.

Xose Humberto tamén foi levado ao cárcere de Carabanchel a unha celda onde estivo incomunicado durante  26 días. Sen falar con ninguén, sen ler, sen fumar, sen poder sair ao patio. Unha celda de 4 metros cadrados sen ningún tipo de mobiliario, cunha villa de auga e un retrete .

Entrementres fóra, xa se estaba a artellar un simulacro de xuizo, cheo de irregularidades, de testemuñas obtidas baixo tortura e probas incriminatorias que se manipularon dun xeito burdo.

Os datos para a elaboración deste artigo están baseados nos testemuños de Flor Baena e no libro “Mañana cuando me maten” de Carlos Fonseca.

Relacionados