EU VIGO APOIA A FOLGA DO METAL E RECLAMA UNHA MESA LOCAL DA INDUSTRIA PARA DEFENDER O EMPREGO DIGNO

Esquerda Unida Vigo traslada o seu apoio ás traballadoras e traballadores do metal da provincia de Pontevedra nas xornadas de folga convocadas por CIG, CCOO e UGT para reclamar un convenio provincial digno e desbloquear unha negociación que segue sen dar resposta ás demandas laborais do sector.

A organización sinala que, tras a primeira xornada de folga do día 7, continúan convocados paros para os días 13 e 14 de maio, con novas xornadas os días 19, 20 e 21 se non hai acordo, coincidindo coa celebración de Navalia en Vigo. Para EU Vigo, esta situación confirma que o debate non pode quedar só nos salarios: tamén están en xogo a xornada, a prevención de riscos, o estrés térmico, a estabilidade e a capacidade de facer atractivo o sector para a mocidade.

O coordinador local de Esquerda Unida Vigo, Guillermo Crego, sinala que “Vigo non pode presumir de potencia industrial mentres unha parte esencial da súa clase traballadora ten que saír á rúa para defender condicións laborais dignas”. A industria naval, o metal, a automoción e as empresas auxiliares son sectores estratéxicos, pero o seu futuro non pode construírse sobre precariedade, subcontratación sen control nin perda de dereitos.

A formación subliña que Navalia amosa a importancia económica do sector, pero tamén debe servir para falar das condicións reais de quen o sostén cada día nos estaleiros, nas auxiliares, nos talleres e nas fábricas. “Non hai industria forte sen emprego digno”, afirma Crego.

Neste sentido, EU Vigo reclama que o Concello non actúe como simple espectador. A negociación do convenio corresponde ás organizacións sindicais e á patronal, pero o goberno municipal si debe poñerse do lado do emprego digno, apoiar as demandas sindicais e promover espazos estables de diálogo social, planificación industrial e defensa da actividade produtiva.

Por iso, Esquerda Unida Vigo propón a creación dunha Mesa Local da Industria, con participación sindical, da Universidade de Vigo, do tecido produtivo e das administracións competentes, para abordar o futuro do naval, do metal, da automoción e das empresas auxiliares. Esta medida debe servir para coordinar formación, relevo xeracional, prevención de riscos, control das subcontratas e cumprimento dos convenios.

Esquerda Unida Vigo chama o goberno municipal a asumir que defender Vigo tamén é defender os dereitos da súa clase traballadora. “Estar co metal é estar con Vigo, porque detrás deste sector hai miles de familias que sosteñen unha parte fundamental da economía da cidade”, conclúe Guillermo Crego.

Relacionados