A PLATAFORMA EMERXENCIA DEPENDENCIA EN VIGO

O pasado 12 de marzo asistimos á presentación da Plataforma Galega por unha Atención Digna á Dependencia – EMERXENCIA DEPENDENCIA en Vigo. Dende a Dirección Nacional de Esquerda Unida participan na plataforma dende a súa creación. Agora tócanos ás localidades darlle impulso local.

Manifesto EMERXENCIA DEPENDENCIA

Como ben indicamos no manifesto da plataforma, o obxectivo é denunciar a situación de emerxencia que vive a atención á dependencia en Galicia e reclamar un sistema público forte, xusto e áxil. Que garanta o dereito das persoas dependentes a recibir servizos e prestacións en tempo e con calidade. A plataforma critica as reformas recentes da lei de servizos sociais por considerar que reducen dereitos, aumentan as listas de espera e favorecen a privatización encuberta do sistema, ao tempo que reclama máis investimento público, máis persoal para as valoracións, máis recursos como residencias e servizos de axuda no fogar, e unha maior participación social nas decisións, co fin de asegurar unha atención digna, universal e coordinada para as persoas dependentes en Galicia.

Na rolda de prensa celebrada antes do acto deixouse clara a situación en Galicia e a súa repercusión en Vigo.

Foto da rolda de prensa publicada no Atlántico

Que problemas detectamos?

  • Longas listas de espera e retrasos excesivos. O tempo medio de tramitación da dependencia é duns 393 días, máis do dobre do máximo legal de 180 días. O que provoca que as persoas falezan antes de recibir a presctación.
  • Reformas legais que reducen dereitos. A modificación da Lei 13/2008 de servizos sociais, aprobada sen participación social, empeora o acceso aos servizos e limita dereitos das persoas dependentes. Non se convocou o Consello Galego de Benestar Social nin se consultou cos axentes sociais para realizar cambios importantes na normativa.
  • Eliminación ou simplificación de informes profesionais. A eliminación do informe social e a unificación de procedementos de dependencia e discapacidade. Isto provoca que as valoracións se traten como un trámite administrativo, sen avaliar correctamente cada caso.
  • Desigualdade no acceso aos recursos. Permiten que entidades privadas tramiten solicitudes provocando diferenzas no acceso aos servizos entre persoas.
  • Falta de persoal e recursos no sistema público. O sistema de dependencia non conta con suficientes profesionais para facer valoracións e tramitar expedientes. Isto provoca atrasos e sobrecarga de traballo.
  • Privatización encuberta e política de bonos. A Xunta promove bonos que derivan recursos públicos cara a empresas privadas en lugar de reforzar os servizos públicos.
  • Insuficiencia de recursos públicos de coidados. Fantan residencias públicas, centros de día e servizos de axuda no fogar. Imprescindible para cubrir as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.
  • Impacto social e de xénero nos coidados. Faltan servizos públicos. Isto provoca que os coidados recaian nas familias, especialmente nas mulleres, perpetuando desigualdades.

Que reclamamos?

  • Revogar os cambios realizados na Lei 13/2008 de servizos sociais en materia de acceso ao sistema de dependencia aprobados pola Xunta de Galicia.
  • Poñer en marcha un sistema público galego de atención á dependencia, que integre e xestione directamente os recursos públicos (residencias, centros de día, servizo de axuda no fogar, etc.) e que estea coordinado co sistema sanitario.
  • Dotar urxentemente de máis persoal aos servizos encargados das valoracións de dependencia e discapacidade, garantindo que estas se realicen no domicilio da persoa, tal como establece a lei.
  • Incrementar o orzamento destinado á dependencia e ampliar os recursos públicos dispoñibles, como prazas en centros públicos e outros servizos necesarios para cubrir as necesidades da poboación.
  • Convocar de forma urxente o Consello Galego de Benestar Social e recuperar o seu papel consultivo e de participación en materia de servizos sociais.
  • Impulsar o apoio das organizacións políticas para que asuman estas reivindicacións e promovan iniciativas que permitan facelas realidade.

Relacionados