ESQUERDA UNIDA DEFENDE A POTENCIACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO COLECTIVO, ONDE O TREN OCUPA UN LUGAR RELEVANTE, COMO MÉTODO DE VERTEBRACIÓN NACIONAL, COHESIÓN SOCIAL E MELLORA DO NOSO NIVEL DE SUSTENTABILIDADE. A COORDINADORA NACIONAL DE ESQUERDA UNIDA, YOLANDA DÍAZ, AFIRMA QUE “O FERROCARRIL DEBE SER CONSIDERADO UN SERVIZO PÚBLICO DE PROPIEDADE E XESTIÓN PÚBLICA”.
Non é unha crise é unha estafa. A sanidade non é rentable, a educación non é rentable, e agora toca rematar co sector ferroviario que semella que tampouco é rentable. Ningún dos recortes impostos está a servir para dinamizar e reactivar a economía, senón todo o contrario. O trasvase do público ao privado é o que nos precariza.
Esquerda Unida defende a potenciación do transporte público colectivo, onde o tren ocupa un lugar relevante, como método de vertebración nacional, cohesión social e mellora do noso nivel de sustentabilidade. Despois da aprobación do RDL 22/2012 no referente a materia de infraestruturas e servizos ferroviarios, e escudándose na precaria situación económica, procédese a un novo recorte, esta vez no sector ferroviario, xustificando que a situación económica esixe a máxima eficiencia na xestión dos servizos públicos. O transporte, ao igual que a sanidade e a educación, é preciso que estea a servizo da cidadanía e non ao servizo do beneficio privado.
Confírmase no borrador do 13 de xullo que, de aquí a finais de ano, pecharanse liñas de tren, estacións e servizos que só leven un 15% de ocupación. A supresión do FEVE en 2013, deixa sen servizo ao litoral do norte de Galicia, que é o peor comunicado en materia ferroviaria de todo o país. Con estas medidas, ademais, acelérase o desartellamento do territorio galego que se puxo en marcha coas liñas do AVE.
A executiva nacional de Esquerda Unida manifesta que a inversión pública feita en Renfe se pón agora ao servicio do sector privado. A “reestruturación” do sector pasa pola creación de 4 Sociedades Mercantiles Estatales que cederán ao sector privado a infraestrutura que precisen minimizando así a inversión privada e maximizando os seus beneficios.
Dende Esquerda Unida consideramos que é necesario artellar o territorio, e iso pasa por manter unha liña de comunicacións que non estea supeditada ao beneficio económico privado. As necesidades de mobilidade da poboación deben de estar garantidas, con independencia da situación xeográfica, do poder adquisitivo…polo propio estado. Xa nos pasou coa liña de AVE, cuxa velocidade se basea no desbaldimento de recursos enerxéticos, no abandono do ferrocaril de pequena e media distancia, e cuxo prezo non é accesible para a maioría social.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, afirma que “o ferrocarril debe ser considerado un servizo público de propiedade e xestión pública” , temos que mudar o modelo actual de mobilidade e exercer políticas que favorezan a non dependencia do petróleo. O tren de cercanías debe cohesionar o rural cos polígonos industriais e coas áreas metropolitanas; e isto pasa por unha planificación territorial que reduza á súa vez a necesidade de desprazamentos en vehículos particulares. Temos que evolucionar cara o transporte colectivo, non só hai que ter en conta o beneficio económico senón que a cidadanía debe de recibir beneficios da xestión pública, que con vontade e planificación é posible.
Por todo isto, Esquerda Unida rexeita a decisión do goberno do Partido Popular que, unha vez máis, desmantela a inversión pública en prol da privada, e que agora convertirá o ferrocarril nun transporte de viaxeiros e non de usuarios.