O Grupo Municipal da Marea de Vigo apoia á Federación de Comerciantes de Vigo (FECOVI) na operación de desestabilización alentada desde o Concello que está a sufrir nos últimos días.
A Marea de Vigo sempre apoiará a de a todas aquelas asociacións e federacións que pulan polo asociacionismo como ferramenta aglutinadora de defensa dos dereitos comúns, neste caso, do pequeno comercio local.
Para a Marea de Vigo, os intereses particulares, partidarios ou conxunturais non deberían de condicionar a situación da federación de comercio vigués, que, á marxe de escoitar as diferentes posturas políticas con respecto aos temas que lles son do seu interese, as súas decisións deben ser soberanas e sen inxerencias tales como o feito de tratar de crear novas asociacións para copar os espazos comúns, accións que parece están a acontecer desde o momento, hai xa meses, no que se puxo enriba da mesa o debate sobre os horarios comerciais ao ser declarada Vigo como “cidade de gran afluencia turística”, momento no cal, de forma demostrada, desde a concellería de Comercio, leváronse a cabo certas manobras para acadar o resultado que lle interesaba a mesma Concellería (e que non necesariamente ía a favor da supervivencia do pequeno comercio). “FECOVI sempre foi un órgano independente dos gobernos locais e así debe de seguir sendo”, apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.
O que está acontecendo nesta ocasión e que algúns pretenden a división do tecido asociativo dos comerciantes a través da defensa dun proxecto que hoxe en día está morto, como é o proxecto de Porto Cabral. Esta defensa é cualificada pola Marea de Vigo como “actitude suicida”, xa que, a historia, os proxectos paralelos noutras cidades do estado e mesmo os estudos, veñen reafirmar o desastre que supoñen os grandes centros comerciais para o pequeno comercio local, e, segundo Rubén Pérez, “non podemos entender que asociacións como a de Teis tomen estas decisións en base á defensa de Porto Cabral, sendo este proxecto completamente lesivo para os intereses dos/as seus/súas representados/as”.
Desde o Grupo Municipal da Marea de Vigo tamén hai que dicir que a información que se está dando sobre a saída de asociacións como a do Calvario e Príncipe de FECOVI resulta moi imprecisa e podería dar lugar confusións, xa que, o acontecido con estas asociacións sucedeu hai tempo e baixo razoamentos que distan moito do suxerido e argumentado nos últimos días por parte, neste caso, da asociación de comerciantes de Teis.